A Xunta abre un faladoiro con profesionais do mundo da arte de diferentes eidos// O espazo está conducido por Diana Sieira

A Xunta de Galicia comeza este mes na Cidade da Cultura a emisión do videopodcast Conversas na balea, un espazo de faladoiros que no seu primeiro capítulo, precisamente nesta semana na que se conmemora o Día Internacional da Muller, se achega ao ámbito da promoción e produción musical desde a óptica de dúas mulleres profesionais de peso no sector. Trátase de Raquel Seijo, codirectora de Sweet Nocturna e responsable de ter traído a Galicia a nomes como Björk, Shakira, Muse ou Lenny Kravitz, e Andrea González, pianista, pedagoga e xestora musical directora do festival internacional IKFEM (International Keyboard Festival & Masterclass), que se celebra en Tui e Valença, e escollida entre as 100 Mulleres Líderes en España en 2019.

Con este novo espazo de diálogo e conversa, que no seu título alude á icónica forma do Museo Centro Gaiás que lembra á dunha enorme balea, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade abre unha nova fiestra virtual na que darlle voz a profesionais das artes e a cultura de diferentes eidos e achegarse a temáticas moi variadas nun formato distendido e próximo ás novas audiencias dixitais. Este primeiro capítulo está xa dispoñible para ver e escoitar a través das principais plataformas en liña (Spotify, Ivoox, ou Youtube entre outras) e tamén na web da Cidade da Cultura.

O espazo está conducido por Diana Sieira, actriz, creadora escénica e comunicadora cunha dilatada experiencia como produtora e locutora radiofónica en emisoras como Cuac FM, e a quen tamén temos visto como intérprete en series galegas como Matalobos e Urxencia Cero, así como no Luar da TVG conducindo un espazo dedicado ao circo.

Cuestións como o impacto da pandemia nos festivais musicais, ou os retos que enfrontan as mulleres que se dedican profesionalmente a un sector como a promoción e produción de espectáculos –como pode ser o teito de cristal ou a conciliación da vida persoal e profesional– son algúns dos puntos tratados no diálogo desta primeira entrega das Conversas na balea. Ao longo do faladoiro, tanto Raquel como Andrea afondan nalgúns dos retos que enfrontan ou perciben no seu día a día profesional nun sector no que a presenza de profesionais homes en postos de liderado é maioritaria, e que abrangue desde a dirección de festivais, a promoción de concertos, ou a dirección de orquestras, entre outros.

EL CORREO GALLEGO:

https://www.elcorreogallego.es/tendencias/a-cidade-da-cultura-arranca-cun-formato-de-videopodcast-a-traves-das-conversas-na-balea-LE10639211

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos requeridos están marcados *

Publicar comentario